No faiado da memoria, agochadas entre os lenzós do olvido, habitaban os nomes do río feminino libre de encoros e desalento. No seu navegar paseniño, por vegadas rápido fluir, foron licuando tropecentas pedras de tropezos impostos polo simples feito de seres mulleres e soñar espertas cun mar de posibilidades no que nadar horizonte comunal de mareas crecentes. Das profundidades do mito atlántico rexurden súas voces como faros de semántica lumínica para lembrarmonos o lume da súa esencia cristalina.
Mariñeiros e mariñeiras escoitan o canto do seu conto senlleiro trazando ronseis de prata na noite do recordo desatado.
Seica un día, unha guerreira de nome antigo Sweena, a da beleza radiante, sentada fronte ao mar divisou o camiño de regreso a illa das mulleres libres e disque viu seus rostros de sereas sereas no espello salgado das ondas. Nese intre, Sweena soubo que algún día recollería sobre as redes espidas dos lenzos a cadencia das súas facianas para eternizalas nun xogo de ollares vivos.
Velaiqui están desveladas as velas das súas dornas sen máis adorno que o da carne de cromosomas cromáticos feita cadro corazón. Démoslle a benvida a festa da memoria liberada que voa ceibe no clamorcósmico das tenras apertas inmortalizadas por Sweena.
Ana Pillado Vega
A Coruña, 9 de Agosto de 2012