Federica Montseny

 

Naceu o 12 de febreiro de 1905 en Barcelona. Filla de Teresa Mañé Miravet (de nome de guerra Soledad Gustavo) e de Juan Montseny Carrito (de nome de guerra Federico Urales), tanto ela coma el intelectuais libertari@s.

Federica foi criada e educada nos principios do comunismo libertario e comezou a colaborar na Revista Blanca (que editaban súa nai e seu pai) e noutros medios de comunicación (Solidaridad Obrera, por exemplo) aos 16 anos.

Ten unha ampla produción como escritora de ensaio (entre outras: La mujer, problema del hombre; e El anarquismo) narrativa (entre outras: Horas Trágicas; e La Victoria), historia (entre outras El éxodo. Pasión y muerte de españoles en el exilio; e Crónicas de la CNT) e artigos de opinión en diversos medios, que se prolonga durante toda a súa vida.

Afíliase á CNT en 1931 e posteriormente á FAI, onde desenvolve unha intensa actividade política e de construción ideolóxica.

Malia a que ela mesma dicía que non era feminista, senón humanista, moitas das súas actuacións diríxense á defensa dos dereitos das mulleres, polo que podemos indicar que o feito de non declararse feminista foi máis ben unha cuestión terminolóxica. De feito, ten moi boas relacións con “MUJERES LIBRES”, organización feminista e libertaria, desde o que foi o seu embrión (Grupo Cultural Femenino e Grupo redactor da Revista Mujeres Libres), e colabora con elas en diversos aspectos, nomeadamente na ideación dos “liberatorios de prostitución”.

O 4 de novembro de 1936 entra a formar parte do goberno de Largo Caballero como Ministra de Sanidade e Asistencia Social, xunto con outros tres anarquistas e despois de ter que resolver a contradición que lle supuña a unha libertaria entrar
a formar parte dun aparato de goberno. É a primeira muller que accede a unha responsabilidade deste tipo, despois de Alejandra Kollontai, que o fixera como Comisaria do Pobo para a Asistencia Pública (URSS, 1917).

Como Ministra destacamos o seu labor como creadora de colonias e campamentos infantís, para acoller criaturas evacuadas das zonas máis castigadas polos fascistas. Amparo Poch i Gascò, médica e feminista, cofundadora de “Mujeres Libres” e Directora Xeral de Asistencia Social no Ministerio, foi quen, xunto con Federica, ideou e desenvolveu este proxecto, que
incluía un modelo de intervención educativa libertaria.

Tamén destacamos a preparación dun proxecto para unha Lei de interrupción do embarazo, similar á que se aprobara en Catalunya en decembro de 1936, inspirada en gran medida por “Mujeres Libres”. Neste empeño contou coa
oposición frontal do resto dos membros do goberno. Finalmente a Lei non foi adiante pola caída do Goberno de Largo Caballero, o 17 de maio de 1937, tras os sucesos de Barcelona.

En abril de 1939 logra pasar a Francia e, tras a ocupación nazi é perseguida polos invasores e pola policía franquista, que mesmo pide a súa extradición, sen conseguila. Nestas circunstancias, logra saír do país e marcha a México, de onde regresa despois da liberación de Francia, para instalarse definitivamente en Toulouse. Aínda que desde 1977 visita o estado español en varias ocasións, nunca o fai coa intención de quedar.

Faleceu en Toulouse o 14 de xaneiro de 1994.

Advertisements

Un comentario

  1. Pingback: Federica Montseny · Marta Paz


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s