Nome: Juana Capdevielle
Datas nacemento/morte: Madrid 1905 – Monte da Gándara 1936
Organización:
Feitos destacados:
Juana cursou Filosofía e Letras en Madrid e entrou a formar parte do corpo de Arquiveiros e Bibliotecarios, tamén na capital madrileña exerceu a súa profesión na Facultade de Filosofía e Letras e no Ateneo. Participou nas Primeras Jornadas Eugénicas Españolas de Genética, Eugenesia y Pedagogía Sexual, que tiveron lugar en Madrid en 1934. A súa conferencia versou sobre o problema do amor no ambiente universitario e nela rebateu as teorías de Nóvoa Santos e Sender, ao tempo que expuxo unha concepción do amor asentada sobre os postulados da valentía e da sinceridade, da liberdade e da consciencia que caracterizan a súa sinxela e forte personalidade.
Cando tivo lugar o levantamento militar, permaneceu xunto ao seu home o gobernador civil da Coruña ata o 20 de xullo, día en que se prepara a digna resistencia do goberno civil. O 24 de xullo foi asasinado o gobernador e ela foi detida e encarcerada na Coruña. A primeiros do mes de agosto saíu do cárcere coa prohibición de permanecer na Coruña e foi recollida en Vilaboa (Culleredo), na casa do deputado de Izquierda Republicana Vitorino Veiga. Aí recibiu o 18 de agosto a orde de deportación que non lle deu tempo a cumprir, pois esa mesma noite foi buscala a Garda Civil e á mañá seguinte apareceu o seu cadáver no Km. 526 da estrada Madrid-A Coruña, no Monte da Gándara, ás aforas de Rábade (Lugo).
Pingback: Juana Capdevielle · Marta Paz