Nome:Clara Campoamor
Datas nacemento/morte: Madrid 1888- Lausana 1972
Organización: Partido Republicano Radical.
Feitos destacados: Feminista, Avogada e Política Republicana Española .
Ao proclamarse a Segunda República, Clara Campoamor foi elixida deputada -en 1931 as mulleres podían ser elixidas, pero non ser electoras- integrando as listas do Partido Radical, ao que se afiliara por proclamarse este “republicano, liberal, laico e democrático”: o seu propio ideario político.
Muller política, republicana e liberal española, defensora dos dereitos das mulleres e impulsora do sufraxio feminino. Formou parte da Comisión Constitucional encargada de elaborar o proxecto de Constitución da nova República e integrada por 21 deputados, e alí loitou eficazmente para establecer a non discriminación por razón de sexo, a igualdade xurídica dos fillos e fillas dentro e fóra do matrimonio, o divorcio e o sufraxio universal, a miúdo chamado “voto feminino”. Conseguiu todo, agás o relativo ao voto, que tivo que debaterse no Parlamento.
En decembro de 1931 a Constitución aprobou o voto a todos os cidadáns maiores de 23 anos, sen distinción de sexo.
Durante 1931-33 foi delegada de España ante a Sociedade de Nacións e fundou a Unión Republicana Feminista, para traballar polo voto feminino.
Despois do golpe militar de 1936, Clara fuxiu de Madrid e viviu en Francia onde publicou o seu libro en 1937: “A revolución española vista por unha republicana”. No exilio viviu tamén en Arxentina onde seguiu escribindo e traballando de tradutora. Cando quixo volver a España, a comezos de 1950, non se lle permitiu por pertencer á loxa masónica Reivindicación. A ditadura militar de Franco só lle permitía entrar, se delataba outros masóns españois; Clara elixiu o ostracismo e o exilio. En 1955 instalouse en Lausana, Suíza, exercendo de avogada ata que perdeu a vista.
A loita desta valente muller, liberal e independente, contribuíu ao avance da Democracia, ao camiño de igualdade entre homes e mulleres.
Cita destacada: “Resolved lo que queráis, pero afrontando la responsabilidad de dar entrada a esa mitad de género humano en política, para que la política sea cosa de dos, porque solo hay una cosa que hace un sexo solo: alumbrar; las demás las hacemos todos en común, y no podéis venir aquí vosotros a legislar , a votar impuestos, a dictar deberes, a legislar sobre la raza humana, sobre la mujer y sobre el hijo, aislados, fuera de nosotras”
Pingback: Clara Campoamor · Marta Paz